Descripcion

conciencia máxica de ser anfibio

mercé barrientos

Elegir fecha
El evento

Data

Venres 18 de maio


Horario

20:00 h


Tipo de evento

Relatorio arrredor do libro


Entrada

Libre ata completar aforo


Lugar

espazo NEMONON

c/ Marqués de Riestra 11 ,1º (Pontevedra)

"conciencia de ser anfibio"

O libro de relatos "Conciencia máxica de ser anfibio" é a primeira obra de Mercé Barrientos. contén ilustracións de Susana Llorente, Yano Yoro, artista especialista en sumi-e, escola de pintura china e xaponesa.


REFLEXIÓN DA AUTORA SOBRE O LIBRO

O escrito é o producto da conciencia de vir de dous mundos: o do mar e o da aldea. Estes dous oníricos mundos están personalizados polos antergos. Polo avó que coñecín, o home libre. Un daqueles homes de ferro en barcos de madeira, gran amante do mar e que personaliza canto a nena que se agocha nolibro aprendeu do amor e da tenrura, dos misterior do mar e a súa beleza. Un outro mundo deste ser anfibio é o da aldea. O da bisavoa e as avoas, auténticas viúvas de vivos, sempre de negro. Mulleres fortes e rexas que sacaron adiante aos fillos nos anos negros da fame. Sacáronos adiante con man de ferro e verbas duras coma seixos, grandes como penedos. Amazonas auténticas ás que non lles quedaron folgos para a tenrura. Só dignidade, traballo e loita.

 

Os nenos da Camposa eramos os desposuídos e orfos fillos do vento. Unha caste de farrapentos intocables. Os nus pés, feridos pola pedra da ribeira; os ollos, proendo polos salseiros e o solpor, e os cabelos, enleados polo vento. Así retábamos, destemidos, aos tombos do Coído. Sobre a pel, o perpetuo zoar do Nordés. Así e todo, na miseria, eramos soberbiamente ricos de todas aquelas cousas que, por dereito, eran nosas.

 

COMENTARIO SOBRE O LIBRO, POR X. ANTÓN CASTRO

Conciencia de ser anfibio é un libro minimalista, un opúsculo de memoria emocional, que leva a reflexión da autora á lembranza das orixes, a fin de recuperar un tempo desexado, ubicado na dimensión crítica e poética que nos mergulla en pequenas historias, aparentemente intrascendentes - case contos, tecidos pola hermenéutica reflexiva do amor ao pobo - que deveñen pegadas de acontecementos vivenciais con sabor a elexía. Escribir eses relatos significou para ela recuperar o identitario dilema imaxinado por Gauguin no seu famoso cadro tahitiano de 1897 "De onde vimos? Quen somos? Onde imos?"

 

Harold Bloom di que os contos non son parábolas nin proverbios e, polo tanto, non poden quedar inconclusos; esperamos deles o pracer dunha conclusión que nos pareza satisfactoria psicolóxicamente. Neste senso, os textos de Merce Barrientos son contos, pero incorporan, tamén, na súa estructura, a disolución e mestura de xéneros á que asiste a narrativa actual, acudindo á dinámica do ensaio e ao ritmo da poesía. Poesía e nostalxia do paraíso.

 

Once miradas que penetran nos filtros fabulados do ser humano ou da paisaxe. Por aí discorren as sutís historias de amor ao mar como máxica realidade, onde se describen as cores da auga na expresión lírica dun espírito, petrarquista, nos cantos de San Juan de la Cruz, a quen tamén admirou a Rosalía que viviu en Muxía, ou no Valente que abalou a Pedra. As viviencias evovadas dende a terceira persoa delatan o retorno á infancia e á sua inocencia, e converten a escritura nun exercicio sincopado e descritivo co mar omnipresente: lembranzas e soños que estende aos felices momentos co avó Manuel (O home vello e a pequena), reconstrucións históricas de antigos xeitos de emparellarse, ao son do baile, coa fonda paisaxe renovada de magnolias ou camelias (A casa da Americana) ou os desexos de voar "nas ás do vento de Nordés" baixo os ecos dunha historia de amor xurdida, unha tarde de verán, na Laxiña da praia da Crus (Ás, raíces).

 

 A autora pode tamén elevar o ritual épico que se escondeu no naufraxio do Prestige - metonimia de tantas desgrazas mariñas da Costa da Morte e de Muxía, discorrer dunha iden- tidade que atravesou o tempo dende o romanticismo rosaliano a carón dos cantís da Barca - suscitando un ton lírico, ou, de novo, elexíaco (Realismo ferido) e render homenaxe a un vello mariñeiro que podía cantar a Internacional coas trazas da balada de Coleridge e, ao mesmo tempo, fundir a Cristo e a Marx nas ondas dun agnosticismo católico e muxián (Papá, ti es comunista). Pero, a fabulación da narradora adoita imaxinar a fortaleza mítica dunha muller indestructible, escrutada en detalles físicos, bela e besta, fada ou meiga, pesca ou diana cazadora de percebes e misterios cuxos ollos eran "como dous cachiños de mar" (Un conto de fadas na Costa da Morte) e, na pausa, dirimir o tempo daquel espazo peninsular, unido á terra por un pequeno istmo, con un cántico: Sen maldita esperanza - realmente un poema, sen máis - para acadar  a súa condición primaria, o retorno ás orixes da súa formación como atleta e deportista, que fai explícita conectando diferentes historias (De que fala cando fala de correr), coa rendida admiración polo contista norteamericano Raimond Carver de What we talk when we talk about love (De que falamos cando falamos de amor, 1981) e polo escritor e maratón man xaponés Haruki Murakami de De que falo cando falo de correr (2008), sen esquecer o pundonor dunha deportista muxiana, Barca Toba. Sen embargo, a diversidade da descrita pegada de acontecementos é, sobre todo, o amor ao pobo que foi e, tal vez, a memoria das pequenas cousas que permitían o belo equilibrio da natureza, eleva o ton da autora, que racha os límites da súa conciencia crítica ao rebelarse contra aqueles que agrediron ou seguen agredindo os signos recoñecibles do antigo paraíso mariño, difícil de recuperar (As cousas que foran nosas). Por iso, a terapia proposta nace da esperanza do útimo relato (conciencia máxica de ser anfibio), narrado en primeira persoa como autoafirmación dunha identidade ligada indisolublemente ao territorio no que naceu, nun cántico agradecido aos seus lugares, á infancia e ao mar, mesmo ás pequenas pozas e ás súas fermosas estreliñas, á conxunción de pedra, area e vento", á lembranza das persoas coas que se sentiu feliz; ao redescubrimento da Barca ou da Laxña nun solpor de verán... aos lugars onde aprendeu a voar.

 

En realidade, os once relatos, de principio a fin, esténdense como unha estructura circular que nace no espírito da auga e se pecha na do vento, esparexendo o sentido rítmico da palabra á maneira dun laberíntico poemario que suliña o valor do como- é dicir, do estilo ou do xeito de interpretar aquela - por enriba do que, isto é, das historias narradas, ocultas na hermeneútica que procura a beleza das cousas, descifrada nos versos de Muxía en min. Só así pode xurdir un sentimento que imaxine ao pobo lugar, territorio e paraíso -  no fondo prehistórico do seu cerebro e no lado esquerdo do seu peito.

 

DA AUTORA

Nada en Muxía (1971), Mercé Barrientos é licenciada en Educación Física polo INEF-Galicia (A Coruña) e cursou estudos de Dereito. Na actualidade exerce como profesora de secudaria no IES Valle-Inclán de Pontevedra. Practicante de taekwondo dende hai trinta e cinco anos e cinto negro 6º dan, desenvolveu unha carreira de deportista, adestradora, árbira e directiva no deporte galego. Presidiu durante doce anos a Federación Galega de Taekwondo e foi vicepresidenta da Federación Española. Tamén ten publicado artigos e libros sobre este deporte.

Recoñecida como activista na loita pola igualdade da muller no deporte, é directiva da Asociación de Mulleres Deportistas Galegas (MUDEGA), que actualmente preside. Igualmente é unha asidua conferenciante e articulista sobre o deporte feminino, pero sobre todo é unha ávida e compulsiva lectora e gran amante da literatura.

a súa atracción polo mar nace na infancia de Muxía e nas longas e nunca esquecidad camiñadas co seu avó malpicán, vello patrón de pesca, co que percorreu os máisintricados litorais. Esa fascinación mariña non só a levou a converterse en patroa de embarcacóns e nunha experimentada mergulladora - ten varios títulos de mergullo deortivo e tamén de mergullo profesional obtidos no IGAFA-, senón tamén a facer explícita, coa escritura, a súa memoria do mar, a fin de recuperar unha identidade necesaria.

Colaboradores

Autora

Mercé Barrientos (escritora, profesora)


Interveñen

Isabel Patiño (editora)

Xaime Toxo (escritor, presidente do Ateneo de Pontevedra)

Mercé Barrientos


Patrocina

Mauro Lomba Arquitecto
NEMONON - espazo multidisciplinar creativo arredor da arquitectura


Organiza

Ateneo de Pontevedra



volver a

Volver a nemonon